Descripción
| Igrexa parroquial de orixe románica do século XIII, de planta rectangular dunha soa nave, capela maior e sancristía acaroada ó muro sur. A estrutura resólvese mediante muros de carga de cachotería enfuscada agás esquinais, vans e espadana. Teito artesoado de madeira e cuberta a dúas augas con tella curva do país. Un arco triunfal de medio punto divide o acceso da nave ó presbiterio. No muro norte hai unha porta cegada e unha troneira abucinada de feitura medievalA fachada de traza moi sinxela, segue un esquema pentagonal e no eixo vertical central, organízase de abaixo arriba, mediante unha porta de acceso rectangular alintelada. Sobre o ingreso vai un óculo e rompendo o vértice da fachada, unha base para unha espadana de dous corpos sobre a cornixa franqueado por dous pináculos piramidais. O primeiro corpo formado por dous arcos de medio punto que descansan sobre piares e serven pra aloxa-las dúas campás. O segundo corpo, un frontón curvilíneo moldurado e cun oco en arco de medio punto sobre cornixa, franqueado por dous pináculos piramidais, e rematado por outro pináculo moldurado cunha cruz de forxa. |
---|