EFE - A catedral de Notre Dame de París estrea as súas novas campás

A catedral de Notre Dame de París estrea as súas novas campás

Coincidindo co 850 aniversario da súa construción, o templo recupera o abano sonoro que tiña no século XVIII

A catedral de Notre Dame de París estreou este sábado as súas novas campás, coincidindo co 850 aniversario da súa construción, nun recital que estivo presidido polo arcebispo da capital francesa, André Vingt-Trois.

En vésperas do domingo de Ramos, e en presenza da ministra de Cultura, Aurélie Filippetti, do alcalde de París, Bertrand Delanoë, e do nuncio apostólico en Francia, Luigi Ventura, as campás soaron nun acto pechado ao público no interior da catedral.

Desta forma quedou inaugurado o novo xogo de campás do templo, composto de dúas campás na torre sur, oito na norte e tres máis na frecha central.

Coa nova configuración, a catedral recupera o abano sonoro que tiña no século XVIII, xusto antes de que durante a Revolución Francesa, as antigas campás fosen fundidas.

O xogo de campás permite «unha maior diversidade de motivos, que alia elementos do pasado con outros contemporáneos», segundo indicaron os responsables da catedral nun comunicado.

As nove novas campás foron acollidas o pasado 31 de xaneiro e bendicidas dous días máis tarde.

Contan, ademais, coa bendición do papa emérito, Bieito XVI, e do actual, Francisco, a petición persoal de monseñor Vingt-Trois.

Durante tres semanas, as campás foron expostas na nave central de Notre Dame, ata que foron izadas aos campanarios.

Máis dun millón de visitantes puideron contemplar nese tempo as decoracións dos instrumentos.

O proxecto de renovación das campás da catedral parisiense está avaliado en 2 millóns de euros, financiados por doazóns privadas.

EFE

La Voz de Galicia (23-03-2013)

  • Cathédrale de Notre-Dame - PARIS: Campanas, campaneros y toques
  • PARIS: Campanas, campaneros y toques
  • Restauración de campanarios: Bibliografía

     

  • Volver a la página anterior
  • Menu inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © La Voz de Galicia (2013)
    © Campaners de la Catedral de València (2024)
    campaners@hotmail.com
    Actualización: 25-04-2024
    Convertir a PDF

    Connectats: 89 Visitants: 89 Usuaris: 0