Sancristán e campanero aos 88 anos en Muxía

Reside en Quintáns-Ozón e leva no cargo desde os vinte anos

Gonzalo Liñeiro, onte en Quintáns - Autor: BÚA, Xesús
Gonzalo Liñeiro, onte en Quintáns - Autor: BÚA, Xesús

Gonzalo Liñeiro Rodríguez é, con seguridade, un dos sancristáns máis veteranos de Galicia. Pode parecer ousada tal afirmación nun país de 3.700 parroquias, pero por propia lei de vida e costumes non parece probable que haxa moitas persoas que leven case 70 anos no oficio. E ademais, de forma regular, constante, sen faltar un ano, con épocas (xa non) de misas diarias, atendendo todas as que hai, os funerais e outras celebracións. E iso nunha parroquia potente como San Martiño de Ozón, en Muxía, e non unha de trinta ou corenta veciños.

Pois ese é o caso de Gonzalo Liñeiro, que reside en Quintáns-Ozón, e que leva no cargo desde que se casou, cando tiña 20 anos ou pouco máis. Agora ten 88, e dentro de dous meses, 89. Chegou ao oficio por tradición de familia da súa muller. Xa o seu sogro, e o pai deste, encargábase de atender aos curas de Ozón. A súa esposa tamén lle axudou moitas veces, ou os seus cuñados. O traballo nunca faltou. Non só eran misas: ata foi sepulturero, encargado dos enterros e, antes deles, trasladar os corpos enterrados se facía falta espazo. Xa fai moito que non o fai, desde que as funerarias asumiron estas funcións. O toque de campá non o perdoa, tanto desde abaixo como desde a torre. Ou da campanilla, nos momentos solemnes da misa. Neste caso xa se guía sobre todo polos sinais do cura, porque perdeu moito oído. Pero as mañas coñéceas todas.

Noutros tempos, unha vez ao ano pasaba polas casas da parroquia e recollía alimentos: millo, cebolas, trigo... Era o xeito de cobrar o custo dun enterro futuro, e así quedaba saldado para cando chegase o día. Ou se realizaban poxas por Corpus. Pero os tempos son outros, e iso xa forma parte do pasado. Igual que acudir a pé á igrexa, a uns 3 quilómetros de casa. Durante decenios foi a pé, ida e volta, pero fai uns dous anos que é a súa filla a que se encarga de levalo en coche. Ademais de sancristán, Gonzalo foi agricultor e tivo un bar. A igrexa resístese a abandonala. «Se non vai, séntese un inútil e dálle unha depresión, e o cura dille que mentres poda, que vaia», explica a súa filla Maruja.

BÚA, Xesús

La Voz de Galicia (14-02-2015)

  • Igrexa de San Martiño de Ozón - MUXÍA: Campás, campaneiros e toques
  • MUXÍA: Campás, campaneiros e toques
  • LIÑEIRO RODRÍGUEZ, GONZALO (QUINTÁNS-OZÓN) (MUXÍA) : Toques e outras actividades
  • Campaneiros: Bibliografía

     

  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © La Voz de Galicia (2015)
    © Campaners de la Catedral de València (2024)
    campaners@hotmail.com
    Actualización: 25-04-2024
    Convertir a PDF

    Connectats: 92 Visitants: 92 Usuaris: 0