A torre do reloxo de Baiona volverá soar

José Higinio Suárez e Fernando Ruibal devolvéronlle a voz tras tres décadas á máquina de 1861

José Higinio Suárez e Fernando Ruibal devolvéronlle a voz tras tres décadas á máquina de 1861 - Autor: LA VOZ DE GALICIA
José Higinio Suárez e Fernando Ruibal devolvéronlle a voz tras tres décadas á máquina de 1861 - Autor: LA VOZ DE GALICIA

O reloxo que preside e dá nome á torre do conxunto histórico de Baiona soará de novo despois de tres décadas de silencio. José Higinio Suárez, coñecido como Sechu, devolveulle a voz co apoio de Fernando Ruibal. «Nós xa non traballamos, xogamos co que nos gusta», indicou onte Sechu ao explicar o minucioso labor que desenvolveu no seu taller de Ponteareas durante as últimas semanas. A vinculación dos dous expertos ao reloxo do que o pobo gozou desde 1861, sufragado por baioneses do ultramar vén de atrás. Sechu reencontrouse con el grazas a unha noticia de prensa na que leu que o Concello ía rehabilitar a Torre do Reloxo, explicou onte o alcalde Anxo Rodal, que se desfixo en agradecementos polo seu xesto altruísta e o empeño de Fernando Ruibal. Para entón, Sechu xa tiña unha maqueta coa réplica da torre que tivo que construír sen subir sequera a escalinata, xa que o edificio estaba deteriorado. Onte desvelou o misterio da súa afinidade coa máquina que preside a torre. O seu avó José Ramón Suárez, que tiña unha ebanistería en Baiona, custodiou o reloxo desde 1904 ata o seu falecemento, en 1951. Fernando Ruibal, reloxeiro baionés, asumiu posteriormente o seu coidado e era o encargado de darlle corda ata que unha tormenta o desestabilizou. Grazas ao seu man a man, volverase mover a maza de 15 quilos de peso que percute na campá ás horas en punto e ás medias. Outro dos enigmas que aflorou é o da súa construción que, en principio atribúenlle ao mestre bilbaíno Cándido de Isasmendi, porque a súa firma aparece na esfera. Sechu, que atesoura máis de 300 reloxos de corda, destaca a singularidade de toparse cunha roda de clavija no sistema de movemento, «algo que nin nos foros coñecían e que serve para evitar que se pare mentres se lle dá corda».

TORRES, Mónica

La Voz de Galicia (20-08-2016)

  • Capela de Misericordia - BAIONA: Campás, campaneiros e toques
  • BAIONA: Campás, campaneiros e toques
  • RUIBAL, FERNANDO (BAIONA) : Inventario de reloxos
  • SUÁREZ GARRA "SECHO", JOSÉ HIGINIO (PONTEAREAS) : Inventario de reloxos
  • Reloxos: Bibliografía

     

  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © La Voz de Galicia (2016)
    © Campaners de la Catedral de València (2024)
    campaners@hotmail.com
    Actualización: 28-03-2024
    Convertir a PDF

    Connectats: 86 Visitants: 86 Usuaris: 0