Introdución ás firmas, marcas, selos e sinetes dos fundidores das campás de Lugo

I. Introdución

Este traballo pretende ser un achegamento ós fundidores de campás que, o ben eran de Lugo ou sendo de fóra, traballaron para as igrexas de Lugo e a súa provincia. Máis que en documentos escritos, fundaméntase, sobre todo, nas firmas, selos ou sinetes que gravaron nas campás da súa autoría.

Os fundidores deixaban a miúdo escritos os seus nomes sobre as campás, de maneira que estes lles servirían tamén de propaganda nunha época no que o boca a boca entre os clérigos era o mellor sistema para conseguir novos encargos. Xunto do nome puñan con frecuencia o lugar de orixe, para que soubesen onde poder atopalos. Tamén o ano de fundición da campá está presente nunha altísima porcentaxe.

Os fundidores dos séculos XVIII e principios do XIX eran transhumantes. Percorrían aldeas, pobos e cidades ofertando ós abades os seus servizos. Case máis que facer campás novas refundían as vellas, estragadas polo uso e as tempestades, pois aínda que ata ben avanzado o século XX (e aínda agora en menor medida) se sostiña que as campás tiñan a propiedade de escorrentar as tormentas o certo é que estas estragaron moitísimas delas.

Os fundidores erguían en moi pouco tempo un forno de reverbero construído con tixolos e barro ó pé da igrexa e cos anacos da campá vella facían unha nova, deixando sobre a súa superficie a pegada do seu nome algunhas veces recollidos en fermosos e elaborados sinetes.Os fundidores portugueses que traballaban en Galicia esmerábanse á hora de facer os seus sinetes.


Sinete do portugués Narciso Antonio da Costa da cida de Braga (Portugal) na campá grande de San Bartolomeu do Couto (A Cañiza) (Pontevedra), feita no ano 1887.

II. Nómina de fundidores.

De algún deles, tan só coñecemos o nome, ignorando a súa procedencia, actividade na zona ou no resto de Galicia.

1. ALONSO, DIONISIO.
Deste fundidor tan só temos datos de dúas campás da catedral de Lugo:
– Campá Mariana Menor da Catedral de Lugo. Ano 1719.
– Campá Mariana Maior da catedral de Lugo. Ano 1719.
2. PALACIO, Francisco de (Güemes, concejo de Bareyo, comarca de Trasmiera, Cantabria).
Con Francisco Palacio iníciase unha saga familiar de fundidores que tiña a súa orixe en Cantabria, e mais concretamente no "Valle de Hoz", na comarca de Trasmiera, de onde saíron unha boa cantidade de magníficos fundidores que se espallaron por toda España, incluída Galicia. Fillos ou netos de Francisco Palacio deberon ser Domingo e Manuel Antonio Palacio, que procedían, concretamente, do pobo de Güemes.
De Francisco de Palacio é a campá dos Cuartos da catedral de Lugo. Ano 1725.
3. PALACIO, Domingo e Manuel Antonio
– Campá "Cana" da catedral de Lugo, Ano 1792, Feita en colaboración de Andrés Cagigal.
– Campá de Prima da catedral de Lugo. Ano 1805 (De Domingo Palacio exclusivamente).
As datas dalgunhas campás temperás de Domingo e Manuel Antonio son coincidentes. O sorprendente é que case cen anos despois houbese outro Manuel Antonio Palacio facendo campás, pero como veremos ó falar de Blanco, con orixe en Monforte, resulta probable que descendentes (fillos, netos ou bisnetos) firmasen de igual maneira. Os Palacio vellos tiñan como sinal de distinción o seu sinete en latín: "Emanuel Antonius Palacio faciebat me", lemos na campá pequena de Fontenla (Ponteareas) do ano 1779.
Como diciamos case cen anos despois un Palacio unido a un Liste (Juan Liste Pereira), este último de Correlo, na parroquia de Orazo (A Estrada – Pontevedra) fan a campá grande e mediana de Xende (A Lama – Pontevedra) no ano 1863.
Como comprobamos polas datas das campás a saga familiar dos Palacio perdurou, como mínimo 144 anos, os que van da campá Mariana da catedral de Lugo, de 1719, á grande e mediana de Xende (A Lama – Pontevedra) de 1863.


Sinete de "EMANUEL ANTONIUS PLALACIO FACIEBAT ME" na campá pequena de Fontenla (Ponteáreas) (Pontevedra). Ano 1779.


Case cen anos despois outro Palacio xunto a un Liste (José Liste Pereira) fan as campás grande e mediana de Xende (A Lama) (Pontevedra), ambas de 1863.

4. SOBRADO, Gregorio de
Deste fundidor nada podemos engadir ó feito de fundir unha pequena campá para a catedral de Lugo o ano 1740. Pola data de feitura podemos garantir que se trataba dun fundidor ambulante.
5. SOTA, Juan María de la
– Campá da parroquia de Santa Marta de Fixós (Concello de Lugo). Ano 1882.
– Campá pequena da parroquia de Seixido (A Lama). Ano 1889.
– Campá grande da parroquia de Seixido (A Lama). Ano 1890.
– Campá San Xiao maior da catedral de San Xiao de Ferrol. Ano 1898.
Juan María de la Sota, veciño da cidade de Lugo, firma un contrato relacionado coa campá da parroquia de Santa María de Fixós, no concello de Lugo, que comeza deste xeito:
Yo, el fundidor de campanas Juan María de la Sota, vecino de Lugo, fundí una campana nueva para Santa María de Fijós de peso de 107 libras castellanas, tomando en cuenta otra vieja de igual peso… y para que así conste firmo la presente en San Juan del Campo a 18 de abril de 1882.


Firma de Juan María de la sota da cidade de Lugo nas campás grande e pequena de San Bartolomeu de Seixido (A Lama) (Pontevedra). Ano 1889.

Agochados baixo esta firma debería haber unha saga familiar de bos e duradeiros fundidores que se alongou bastante no tempo. Na primeira campá que atopamos firmada por "Blanco", aparecen gravados os nomes de dous deles:Januario Blanco e Antonio Carrera Blanco.
Trátase da chamada "Santa María" e atópase na catedral de Lugo. Fundírona no ano 1864. Na bisbarra do Carballiño os Blanco firman campás co sinete "BLANCO ME HIZO/ MONFORTE" entre os anos 1880 (campá grande de Loureiro, O Irixo) e 1950 (grande de Cabanelas, O Carballiño), habendo entre a primeira e a última 94 anos de diferencia o que supón polo menos dous ou tres xeracións que se achegaron ata pasada a metade do século XX. A empresa desaparecerá pouco despois desta data, xa que a última campá co sinete de Blanco da que temos novas leva gravado o ano 1958 e se atopa, hoxe en día, no Museo Etnográfico da Fundación Joaquín Díaz de Valladolid, pertencendo a colección da empresa "Campanas Quintana".
Nesta última etapa a fundición lucense estaba dirixida por Antonio Blanco Lemos, que fiel á tradición inicial seguía firmando simplemente como Blanco.
Estas son algunhas das campás de Blanco que temos localizada sen Galicia:
– Grande de Loureiro (O Irixo). Ano 1880.
-Pequena de Loureiro (O Irixo). Ano 1880.
-Grande de Partovia (O Carballiño). Ano 1901.
-Grande de Parada de Achas (A Cañiza). Ano 1903.
-Grande de Banga (O Carballiño). Ano 1923.
-Grande de Cabanelas (O Carballiño). Ano 1950.
BLANCO, JANUARIO E CARRERA BLANCO, ANTONIO. Campá Santa María da catedral de Lugo. Ano 1864.


Sinete que Antonio Blanco Lemos, fundidor de Monforte de Lemos (Lugo), deixou na campá grande de Santiago de Parada das Achas (A Cañiña) (Pontevedra), datada en 1903.


Máis moderno é o sinete de Blanco na campá grande de Cabanelas (O Carballiño) (Ourense). Ano 1950.


Firma de Blanco, escrita a man cun punzón, na saia da campá grande de Loureiro (O Irixo) (Ourense). Ano 1880.

6. CABRILLO MAYOR, José
Estaba establecido en Salamanca. As primeiras campás fundidas por el na súa terra, levan gravado o ano 1918. Trala súa morte faise cargo da fundición o seu sobriño Valentín Cabrillo, ata que se xubila en 1974, data na que a empresa desaparece definitivamente. O prestixio acadado pola marca <"CASA CABRILLO/ METALES SUPERIORES" convértea en "PROVEEDOR DE LA CASA REAL".
Desaparecido José Cabrillo Mayor segue na dirección da empresa o seu sobriño Valentín Cabrillo que modifica o sinete do tío, como podemos comprobar na campá grande de San Martiño de Tameiga (Mos). Ano 1964.

De José Cabrillo temos a campá chamada de San Xosé, coñecida popularmente pola "Sardiñeira" da catedral de Lugo do ano 1920.


Sinete de José Cabrillo Mayor, co lema "Proveedor de la casa real / Salamanca". Campá mediana de Verducido (A Lama) (Pontevedra). Ano 1923.


O nome de "José Cabrillo" tal como aparece escrito na campá mediana de Alxán (Salvaterra de Miño) (Pontevedra). Ano 1921.


Sinete de Casa Cabrillo na campá grande de San Martiño de Tameiga (Mos) (Pontevedra), xa no tempo de Valentín Cabrillo. Ano 1964.

FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ, Estanislao
Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”, nº 5 (2013)
Publicado no Meson do Forno (2013)

  • Igrexa da parroquia de San Bartolomé do Couto - A CAÑIZA: Campás, campaneiros e toques
  • Igrexa parroquial de San Bartolomeu de Seixido - A LAMA: Campás, campaneiros e toques
  • Igrexa parroquial de San Paulo de Xende - A LAMA: Campás, campaneiros e toques
  • Catedral de Santa María - LUGO: Campás, campaneiros e toques
  • Igrexa parroquial de Santa Marta de Fixós - LUGO: Campás, campaneiros e toques
  • Igrexa parroquial de San Martiño de Tameiga - MOS: Campás, campaneiros e toques
  • Igrexa parroquial de Santa Baia de Banga - O CARBALLIÑO: Campás, campaneiros e toques
  • Igrexa parroquial de Santiago de Partovia - O CARBALLIÑO: Campás, campaneiros e toques
  • Igrexa parroquial de Santa Mariña de Loureiro - O IRIXO: Campás, campaneiros e toques
  • Igrexa parroquial de San Mamede de Fontenla - PONTEAREAS: Campás, campaneiros e toques
  • Igrexa parroquial de San Paio de Alxén - SALVATERRA DE MIÑO: Campás, campaneiros e toques
  • A CAÑIZA: Campás, campaneiros e toques
  • A LAMA: Campás, campaneiros e toques
  • LUGO: Campás, campaneiros e toques
  • MOS: Campás, campaneiros e toques
  • O CARBALLIÑO: Campás, campaneiros e toques
  • O IRIXO: Campás, campaneiros e toques
  • PONTEAREAS: Campás, campaneiros e toques
  • SALVATERRA DE MIÑO: Campás, campaneiros e toques
  • ALONSO DE VIADERO, DIONISIO : Inventario de campás
  • BLANCO (MONFORTE DE LEMOS) : Inventario de campás
  • CABRILLO MAYOR, JOSÉ (SALAMANCA) (MONFORTE DE LEMOS) : Inventario de campás
  • CABRILLO, CASA (SALAMANCA) (MONFORTE DE LEMOS) : Inventario de campás
  • CAGIGAL, ANDRÉS (VALLE DE HOZ); PALACIO, DOMINGO (GÜEMES) (BAREYO) : Inventario de campás
  • DA COSTA, ANTONIO (BRAGA) : Inventario de campás
  • DE LA SOTA, JUAN MARÍA (LUGO) : Inventario de campás
  • DE PALACIO, DOMINGO (GÜEMES) (BAREYO) : Inventario de campás
  • DE PALACIO, FRANCISCO (GÜEMES) (BAREYO) : Inventario de campás
  • DE PALACIO, MANUEL ANTONIO (GÜEMES) (BAREYO) : Inventario de campás
  • DE SOBRADO, GREGORIO (BAREYO) : Inventario de campás
  • LISTE PEREIRAS, JUAN (PARROQUIA DE ORAZO) (A ESTRADA) : Inventario de campás
  • Fabricación, fundición de campás: Bibliografía

     

  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”, nº 5 (2013)
    © Campaners de la Catedral de València (2024)
    campaners@hotmail.com
    Actualización: 19-03-2024
    Convertir a PDF

    Connectats: 48 Visitants: 47 Usuaris: 1 - servidor