ALBO, Francisco; RODA, Carlos - Orgullo etnográfico en Parteme

Orgullo etnográfico en Parteme

Unha aldea quiroguesa expón ao aire libre o seu patrimonio material

Foto123512

Ramiro Álvarez, un dos veciños que contribuíron á colección.


O Ecomuseo de Arxeriz -no municipio do Saviñao-, o museo etnográfico municipal de Quiroga, o da asociación veciñal de Salcedo, na Pobra do Brollón, e o de Vilar do Courel son os poucos lugares do sur lucense onde se expoñen mostras da cultura material tradicional destas comarcas. Desde fai un par de anos, a localidade quiroguesa de Parteme exhibe tamén o seu patrimonio etnográfico, pero o fai dunha forma moi pouco común.

Os forasteiros que chegan a esta poboación da parroquia de Nocedo sorpréndense ao ver todo tipo de antigos utensilios colgados da fachada das vivendas na chamada praza da Capela. Segundo contan os veciños de Parteme, a idea de expor as pezas desta forma foi dun mozo residente en Barcelona que pasaba as súas vacacións no pobo. Enseguida puxéronse de acordo con el outros dous veciños e pasaron a facer realidade tan peculiar museo. «Púxose a colocar desta maneira as cousas e despois nós empezamos a botarlle unha man», comenta Ramiro Álvarez Núñez, un dos veciños que axudaron a expor esta colección.

Obxectos de todo tipo

A peculiar instalación museística comprende numerosos apeiros agrícolas, ferramentas artesanais e utensilios domésticos en desuso: arados, xugos, rodas de carro, mallos, fouces, forcas, anciños, candís de aceite, cántaros de latón, fols, tixolas, un liame ou corda grosa para atar os carros, unha horma de zapateiro, un bandoxo ou bandexa para pelar castañas...

Todas as pezas proceden das vivendas do pobo e algunhas delas, máis deterioradas, foron restauradas con máis ou menos acerto. Os obxectos de madeira foron tratados para protexelos da intemperie cun procedemento pouco ortodoxo pero ao parecer eficaz: vernizándoos con aceite usado de automóbil.

Rastros de dúas vellas igrexas que desapareceron hai moitos anos

Foto123513

Antigo campanario de Navín


O nome da praza onde se expón a colección etnográfica alude a unha antiga capela que existiu en tempos neste lugar e que desapareceu hai xa moitos anos despois de caer nun estado de ruína. Neste espazo exhíbese igualmente un antigo campanario que ten gravada a data da súa construción, en 1798. Este elemento arquitectónico non formaba parte de capela desaparecida, senón da antiga igrexa de Navín, outra localidade da parroquia de Nocedo.

A igrexa de Navín, que tamén quedara arruinada, foi comprada por uns veciños enriquecidos de Parteme e as súas pedras aproveitáronse para construír ou reparar edificacións neste pobo. Desde entón atópase alí o vello campanario. Pero iso ocorreu fai xa bastantes anos. Ramiro Álvarez, recorda como o seu avó ía co carro a Navín para cargar as pedras da vella igrexa e traelas ata Parteme.

ALBO, Francisco; RODA, Carlos
(02-11-2011)
  • Museo Etnográfico de Parteme - QUIROGA: Campanas, campaneros y toques
  • QUIROGA: Campanas, campaneros y toques
  • Destrucciones de campanarios y campanas: Bibliografía

     

  • Volver a la página anterior
  • Menu inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © Campaners de la Catedral de València (2024)
    campaners@hotmail.com
    Actualización: 20-04-2024
    Convertir a PDF

    Connectats: 83 Visitants: 83 Usuaris: 0