Campás para a alma

A campá máis grande do orbe cristián atópase na Catedral de Colonia, pesa 27.000 quilos; a máis grande de España é a da Catedral de Pamplona, cos seus 11.960 quilos. Usouse, primeiro na Igrexa Occidental, a partir do século VI, e despois na Igrexa Oriental no século IX, sendo pioneiras as de Santa Sofía de Constantinopla.

As campás deben ser bautizadas. Para o que o Bispo reza salmos, bendí o sal e a auga coa que se lava o instrumento que servirá para chamar aos fieis por festividade, reflexión ou alarma. Hai lendas sobre campás que tocaron soas para avisar á comunidade sobre o perigo que lles axexaba. Hai campaneros que saben tañer a campá como instrumento musical, algún de especial relevancia como aquel Cuasimodo que vivía para coidar e tocar as campás de Notre Dame na cidade do Sena. Os Bretóns do Armor, aseguran que escoitan as campás do fondo do mar desde unha cidade que fora mergullada polas ondas. O nome de campá débese á primeira cidade onde se fundiron -Campania- Noutros tempos, polo menos tres eran os toques habituais de campás: de mañá recordando a resurrección, de medio día pola paixón, e á tardiña pola encarnación.

En novembro, a histórica Britonia de Maeloc, cheira a terra húmida, onde o ocre brillante dos fieitos sinálanos que estamos en fragas máxicas que son territorio de trasgos, eses trasgos nosos que viven entre carballos e castiñeiros, aliméntanse de millo, espértanse co son das campás para ir beber a auga das fontes como a da Tella, no val de Sargadelos ou a de San Roque cerca do souto de Cervo.

Desde o mar á costa, asucada por ríos que se fan rías, portos naturais de abrigo para buques de vela, o son das campás competiu co do corno mariño que avisaba da chegada a terra de traíñas e traiñones, tras a noite de mareantes á sardiña, mentres o escintileo do faro da Illa da Atalaia, vixiaba os soños dos nenos, cidadáns do mañá. E ao amencer, as parroquias do concello de San Ciprián, espertaban co toque da campá, xa fose en Sargadelos, Castelo, Cervo, Lieiro, Rúa ou Vilastrofe.

Cunqueiro

Tempo de outono, ese que describía Cunqueiro como de «folla seca, noite longa e doce lume». Santa María de Cervo, fundada no século XI, que foi Igrexa relacionada coa Casa de Alba, campanario con dúas campás; do mesmo século Santa María de Lieiro onde descansa un dos Marqueses de Pedrosa, tamén con dúas campás; Santiago de Sargadelos, cunha soa campá cuxo son produce notas que saltan de folla en folla da árbore sacra -carballo- e entran polas fiestras do Pazo; San Román de Vilastrofe, campanario con tres campás e a imaxe que acompaño ao Bispo San Gonzalo no seu milagre con aquela feroz balea ; Santa María de Rúa, cristianizando o Castro Celta , á beira dun fermoso castiñeiro, onde se venera á Candelaria do século XVI, cunha soa campá; San Julián de Castelo, que permite acceder ata o mesmo campanario e contemplar desde as súas campás o que acontece no val polo que discorre o río Covo.

Outono é unha estación para escoitar música, gozar de faladoiros en cantinas ante unha copa de augardente da terra dos xudeus ourensáns -os meus antepasados- e volver ler as historias que escribía Álvaro Cunqueiro, unhas veces referidas a personaxes imaxinables e outras reparando como ninguén no mundo inanimado ao que daba vida polas rúas ricas en augas, pan e latín, lugar onde se fixo realidade o reino da choiva.

Para o mestre da fantasía, había campás que soaban en noites de tempestade, ou as que lle recordaban desde a súa Mondoñedo, as campás bretoas de lugares ricos en castelos e palacios de solemne heráldica . «Todas as campás do mundo son infalibles porque non saben o que din» anuncian verdades ou misterios, tocan a maitines dalgún seminarista namorado.

Tiña toda a razón ao cualificar as campás de Pondal e Rosalía como melancólicas. E así, en Bastabales, só oen as súas campás os que se morren de soidade nun invisible país de cor esmeralda. Incluso se chegou a preguntar algo transcendental ¿Haberá algunha vez campás na lúa?. ¿Serán de bronce ou de chocolate como o que fabrican os meus amigos de Val de Brea? Se os reloxos son o corazón dunha cidade, as campás son almas dos santos que viven en Catedrais, igrexas e ermidas, para refuxio do camiñante, para exvotos do mariñeiro no seu conflito con vento e auga salgada. O son das campás é a música do noso outono.

MOSQUERA, Pablo

La Voz de Galicia (18-11-2014)

  • Catedral de Santa María de la Asunción - PAMPLONA / IRUÑA: Campás, campaneiros e toques
  • Cathédrale de Notre-Dame - PARIS: Campás, campaneiros e toques
  • PAMPLONA / IRUÑA: Campás, campaneiros e toques
  • PARIS: Campás, campaneiros e toques
  • Campás (historia xeral e tópicos): Bibliografía

     

  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © La Voz de Galicia (2014)
    © Campaners de la Catedral de València (2024)
    campaners@hotmail.com
    Actualización: 20-04-2024
    Convertir a PDF

    Connectats: 76 Visitants: 76 Usuaris: 0