«O bo das campás é que só avisan das cousas importantes»

Campanero e apicultor, ve o futuro de ambos os oficios con auténtica esperanza

«O bo das campás é que só avisan das cousas importantes» - Autor: PARDO, José / LA VOZ DE GALICIA
«O bo das campás é que só avisan das cousas importantes» - Autor: PARDO, José / LA VOZ DE GALICIA

Julio López Allegue, Julio de Remedios o das Abellas, personaxe entrañable, e ata literario, onde os haxa, dubida un instante antes de responder que son 74, os anos que agora ten. Pero tras concretar esa primeira cifra, e tendo botado xa as súas propias contas -o que xamais esquece, por certo, é a data do seu ingreso como aprendiz en Astano-, enseguida chega, fundamental, o segundo dato: que leva 62 anos, e dise pronto, tocando as campás. Non leva tantos, en cambio, no mundo das abellas, ao que se foi achegando aos poucos ata converterse nun dos maiores expertos de Galicia. Aínda que si os suficientes como para afirmar que, a pesar da velutina, o sector apícola ten un bo futuro ante si. «Os que imos desaparecer somos nós», chancea Julio , á vez que afirma que «as campás, como as colmeas, non desaparecerán de Galicia xamais», porque «tanto unhas como outras fan moita falta».

-¿A proliferación da avispa asiática non fixo que se reduza o número de apicultores?

-Pois non, non se reduciu o número de apicultores, en contra do que pensa a xente. É verdade que ao principio, cando chegou a velutina, houbo algúns que pensaron que aquilo era insuperable e que, desesperados, acabaron por abandonar. Pero por sorte foron moi poucos. A pesar das dificultades, o número de colmeas en Galicia seguiu crecendo sen parar.

-¿Chegará a erradicarse algunha vez a velutina?

-A día de hoxe, eu penso que non. Temos que ser realistas, e combater a velutina con realismo e con eficacia, sen esperar milagres nin que vaia a desaparecer por encantamento.

-¿E como lla pode combater con eficacia?

-Bo, pois por exemplo facendo todo o esforzo posible para localizar os niños primarios, os das raíñas, antes que dean orixe ao niño secundario, ao verdadeiro avispero. Pero iso non é fácil, por suposto. E ademais ás veces aínda que os localices atópanse en lugares totalmente inaccesibles, aos que nin sequera dás chegado. Ás veces están moi altos.

-É unha pena que, habendo toques de campás útiles para tantas cousas, non haxa un que afaste a avispa asiática...

-Non, para iso aínda non hai [ri Julio ], pero hainos para outras moitas cousas. Antes habíaos ata para espantar a tronada.

-¿Cantos toques de campá coñece vostede de memoria?

-Eu, de memoria, coñezo dezanove, pero hai moitísimos máis. E seguen sendo moi necesarios. Hai moitas aldeas nas que as campás aínda manteñen á xente hoxe perfectamente informada. Non necesitan Internet nin teléfono móbil. Porque o bo das campás é que só avisan das cousas importantes.

LOUREIRO, Ramón

La Voz de Galicia (12-02-2017)

  • FENE: Campás, campaneiros e toques
  • LÓPEZ ALLEGUE, JULIO (SILLOBRE) (FENE) : Toques e outras actividades
  • Campaneiros: Bibliografía

     

  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    Buscar campá, campanario, poboación, fundidor, ano fundición, epigrafia, autor, artigo
    © La Voz de Galicia (2017)
    © Campaners de la Catedral de València (2017)
    campaners@hotmail.com
    : 20-11-2017
    Convertir a PDF