As campás do Carme


X. e E., veciños meus, viven nunha das rúas máis bonitas de Santiago -entre Loureiros e San Roque- e nun dos pisos máis arelados polos compostelanitas de alugueiro. Este idílico domicilio só ten un problema: está controlado polos conventos do Carme (á esquerda) e de Santa Clara (á dereita). Ámbolos dous aínda manteñen guarnicións monacais que ás sete da mañá tocan a maitíns -é dicir, poñen o espertador de cando non os había- para comezar o seu traballo diario pola nosa salvación.

X. e E. viven no medio dun fogo cruzado diario que chega ás súas fiestras provocado por tan ruidosas e pouco consideradas vecinitas. Nós, que vivimos pendurados por riba do convento de Santa Clara, tamén sufrimos danos colaterais durante o verán, cando hai tanta calor que temos que abrir tódalas ventás. Ese repenique anxélico entra ata o fondo do tímpano, esgarabella no soño no que estás metido e provócache ter unha reputación, para nada buscada, de ser o máis puntual do teu traballo. Créanme: é famoso o carácter granítico do meu soño. E as campás láñanno á perfección en dous toros.

X. e E. cursaron cartas solicitando reducir ou eliminar o repique das 07:00 -non o resto de todos os que tocan-. A proposta foi recibida con gaitas pouco temperás por parte das monxas. Moitos veciños, ademais, afirman que non escoitan nada, segundo El Correo Gallego.

Sempre creo que, moitas veces, a solución aos problemas está en potencialos. Por exemplo, xa teño comentado con X. e E. que este problema hai que convertelo nunha oportunidade. A miña proposta sería tentar conseguir que a comunidade islámica galega instale a súa mesquita central nunha casa abandonada que está ao carón do convento do Carmen e edificar un minarete dende o que o muecín, cinco veces tódolos días e a primeira ás sete da mañá, chame á oración da comunidade. Coido que as horas de chamada do islam coinciden bastante coas regulamentadas polas diferentes ordes relixiosas cristiás.

Sería beneficio para todos. Estou convencido de que as monxas estarían encantadas de ver potenciadas tanto as manifestacións relixiosas do barrio. O espectáculo, debidamente publicitado no exterior pola nova administración cultural do país, sería un estupendo reclamo para aqueles que desexen rematar unha boa noite de marcha en Santiago con algo diferente que contar cando volvan ás súas casas. Como os veciños da zona parecen ser bastante duros de oído, disfrutarían dun novo ambiente multicultural co silencio matinal de sempre.

¿Que vos parece? Outra opción é que, se vives no barrio, pases pola Ovella Negra a asinar a protesta e, de paso, axudarlle a comprender á abadesa do convento que os tempos, á fin, están cambiando.

GAGO, Manuel

Capítulo Cero (03-09-2005)

Comentario

Home, o do minarete convertiríase nun “a ver quen o fai máis alto” bastante contraproducente… XD

Con que a campá soara algo máis soave chegaría, as únicas que a teñen que oir son as monxas, non creo que ninguén de fóra do convento vaia rezar a esas horas…

ANÓNIMO (05-09-2005)

  • Convento do Carmen - SANTIAGO DE COMPOSTELA: Campás, campaneiros e toques
  • SANTIAGO DE COMPOSTELA: Campás, campaneiros e toques
  • Ruído e denuncias: Bibliografía

     

  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © Capítulo Cero (2005)
    © Campaners de la Catedral de València (2025)
    campaners@hotmail.com
    Actualización: 18-11-2025

    Connectats: 49 Visitants: 49 Usuaris: 0