Valentín Insua, campaneiro da catedral de Mondoñedo: "As campás sempre nos contan algo"


Valentín Ínsua, xunto ao reloxo da catedral de Mondoñedo, símbolo do paso do tempo e da tradición que aínda latexa no templo. (Foto cedida)

A Catedral-Basílica da Asunción de Mondoñedo é a única de España que conserva o toque manual, recoñecido como patrimonio inmaterial da humanidade, e cada outubro o volteo das campás maiores marca o inicio das feiras e festas das San Lucas.

A Catedral-Basílica da Asunción de Mondoñedo é a única de España na que se conserva o toque manual de campás, recoñecido como patrimonio inmaterial da humanidade. O oficio de campaneiro foi, ao longo dos séculos, responsabilidade de varias xeracións da mesma familia. A actual é a de Valentín Insua, que fala desta tradición con fonda estima. O templo conta con dez campás, entre as que destacan a Paula, a Prima e a Ronda, as de maior tamaño. Dende neno, Valentín sube ao campanario, e desde 2010 esta tamén é a súa profesión, que exerce como sacristán na Basílica. Na catedral axeonllada encárgase de moitas tarefas que require o templo -atender na misa, nos actos, limpeza e tamén labores de control e vixilancia-. Unha profesión da que se xubila o 30 de outubro. Pero asegura que seguirá dispoñible para botar unha man, axudar a quen o precise ou ensinar a quen se incorpore. E, por suposto, continuará subindo ao campanario sempre que faga falta.

- Canto tempo leva de campaneiro?

Dende neno. Viña cos meus tíos e cos meus pais. Así fun aprendendo.

- Era, polo tanto, a súa familia a que se encargaba de tocar as campás?

Si. Eran os meus tíos, as miñas primas, os meus pais, as miñas irmás e máis eu. A través dos libros de fábrica da catedral vin e fun recollendo os nomes dos anteriores campaneiros, e apréciase que durante 130 ou 140 anos repetíanse os mesmos apelidos: ía por familias.

- Como considera que valoran os mindonienses o seu traballo? Coméntanlle algo agora que se vai xubilar?

Son moitos anos e a xente móstrame moito cariño. Dínme: "Home, espera un pouco máis". Anímanme a quedar. Valoran o toque manual, sobre todo o da Paula. Cando imos polos pobos, en vez de dicir "veñen os de Mondoñedo", din "veñen os da Paula". Para nós o toque da Paula é moi importante. Neste momento tocamo o meu cuñado e máis eu. A xente sente que me vaia.

- Como definiría estes anos no oficio?

Foron unha experiencia marabillosa. Teño grandísimos recordos de todo o que fun vivindo na catedral. Estou aquí ao lado e seguirei vindo á misa, a visitala e, mentres poida ou sexa necesario, tocar as campás.

- Hai algún momento que garde con especial cariño?

Subir ao campanario para voltear a Paula é algo importante, algo que nos vai no interior, mesmo algunhas veces dá a sensación de poder falar con ela. Hai moitos recordos, de moitos días, sobre todo das San Lucas, pola importancia de sentir que a Paula inicia todas as festas e as solemnidades. Tocala é algo máxico. O toque manual é patrimonio inmaterial da humanidade.

- Cambiou algo o sistema para tocar as campás ou segue sendo o mesmo?

Segue sendo o mesmo. Esta é a única catedral de España que mantivo sempre o campaneiro e o toque manual. Non se electrificou nunca.

- A Paula debe de ser a máis difícil de tocar...

Si. Pesa uns 2.500 quilos. Para volteala hai que perderlle o medo, porque impón, e despois ter máis ou menos forza e moito control para que non pase nada.

- Cando soan varias campás, cantos campaneiros fan falta?

Depende. Eu lembro ver á miña tía Julia, hai moitos anos, voltear as tres ao mesmo tempo. Sorprendíame moito ata que entendín que antes estaban moi ben contrapesadas: cada empurrón facía que a campá dera máis voltas soa. Agora están peor axustadas e hai que facer un esforzo importante para darlles a volta. Normalmente tocamos dous: o meu cuñado Jo e máis eu, por exemplo, farémolo o domingo, no día da Dedicación da catedral.

- O seu cuñado seguirá de campaneiro?

Si, o meu cuñado seguirá. Todo depende da persoa que entre agora e se quere tocar ou non. Nós estaremos aquí, como afección, e viremos sempre que poidamos.

- Cada campá ten un son distinto?

Si, cada unha ten o seu. Ademais, xa non é igual bandear a campá, volteala ou simplemente empurrar o badal cando se toca a morto. Teñen algunha nota como o si, do, re... Son unha marabilla.

- Respecto a outras catedrais, tamén se conservan toques distintos?

Si. En moitos casos son diferentes. Non é igual tocar a morto aquí que na parroquia de Santiago ou no Carme. Cada lugar ten o seu toque, segundo a tradición. Dende 1900, os toques de morto correspóndenlle á parroquia de Santiago, pero hai quen deixa dito en testamento que, cando faleza, quere que toque a Paula. Así pode ocorrer que soen ao mesmo tempo a parroquia e a catedral.

- Hai toques que se perderon co paso do tempo?

Si. Por exemplo, o toque a parto difícil. Cando unha muller tiña complicacións, as familias pedían que se tocase unha campá en concreto para que toda a xente que a escoitase rezase pola nai e polo neno ou nena que ía nacer. Pedían protección. Deixouse de facer en 1913, porque as parturientes que non tiñan problema poñíanse nerviosas ao escoitar ese toque.

- E hai diferenza entre os toques segundo quen falece?

Si, son as sinais. Facíase o toque de agonía cando alguén estaba a morrer. Se se prevía que non ía pasar da noite, tocábase unha campá, e logo, con outra, dábase a sinal: dous toques se era muller, tres se era home, catro se era sacerdote... e así sucesivamente. Mediante un código que xa está escrito.

- Que toques se conservan hoxe?

O volteo, que se fai en todas as festas, solemnidades e mesmo en actos sociais. Podemos dicir que unhas sesenta veces ao ano, facilmente. Despois está o toque a morto, que sempre che piden; o toque de agonía, para dar sinal se é un home ou unha muller - nalgún lugares incluso se sabía en que barrio ocorrera -; o toque do Ángelus, con trinta e tres campanadas ás doce; e ás veces o esquilón, que serve para avisar aos sacerdotes que veñan cantar ao coro gregoriano antes da misa das sete. Hai tamén algún repique.

- As campás acompañaron á xente ao longo da vida, non si?

As campás non están aí por estar. Foron as que regularon o noso tempo durante moitísimos anos. Case nos dicían a que hora almorzar, xantar ou retirarse para a casa. Por exemplo, cando eu era neno, o toque do esquilón era o aviso das nosas nais: "Cando acabe o esquilón, hai que estar na casa". Era algo sagrado. Cada vez que alguén escoite as campás, que pense que son un ben patrimonio inmaterial da humanidade e que sempre nos contan algo. Agora moita xente xa non entende o que se está tocando, pero antes incluso lembro algunha vez de equivocarme e unha señora, ao baixar do campanario, dicirme: "Tocaches como se morrese un home, pero foi unha muller". As campás regulan o tempo, e aínda o regulan agora os reloxos das catedrais e das igrexas. Cando o reloxo deixou de funcionar un tempo, a xente notou a falta do seu son, mesmo de noite. Dicíanme: "Escoitabamos as horas e durmiamos tranquilos. Sen iso, estamos algo descontrolados".

- Tamén é vostede o encargado de manter o reloxo da catedral.

Si. É outra das miñas funcións: darlle corda e telo a punto, cambiar a hora cando corresponde, engrasar o mecanismo... Este reloxo é moi curioso, porque, xunto co de Santiago, é un dos dous únicos reloxos de catedral aos que aínda se lles dá corda a man. Hai que subir pesas de case douscentos quilos cunha manivela, elevándoas. A diferenza é que aquí dáselle corda cada semana, e en Santiago teñen que subir todos os días. É un reloxo de 1863, e tamén forma parte dos segredos desta catedral.

- Que papel teñen as campás nas festas das San Lucas?

As campás poñen música aos momentos máis importantes de Mondoñedo. O 19 de outubro celébrase o día da Dedicación da Catedral, cando se consagrou no século XIII, e a Paula, a Prima e a Ronda van tocar á misa ese día. E o 16 de outubro, ás 13.00 horas, co volteo das tres, inaugúranse oficialmente as San Lucas, xunto aos foguetes. É o pistoletazo de saída.

- Como vive vostede esta feira?

É algo moi especial, para min e para todos os de Mondoñedo. O maior espectáculo das San Lucas é o paso dos cabalos o día 17, pola praza da catedral e o centro da cidade. Eu recoméndolle a quen non o viu que se achegue. De pequeno tiña a sorte de vivilo desde a miña rúa, a Rigueira. Antes os cabalos subían por alí, de madrugada: ás tres, ás catro, ás cinco da mañá. Escoitaba os cascos e os relinchos e quedaba esperto vendo pasar os cabalos. Para min, ese son é parte das San Lucas. É unha feira con moita historia, das máis antigas de España e seguramente de Europa. Vivo as San Lucas con moito sentimento.

- E pódese dicir que vostede anuncia o comezo das festas.

Si. O día 16, á unha da tarde, comezan os foguetes e o toque da Paula. Mestúrase o son das tres campás maiores: Paula, Prima e Ronda. Voltéanse todas, e así arrincan as San Lucas.

- Tamén participa noutros actos e actividades culturais en Mondoñedo.

Si, sempre que podo. Agora imos comezar co noso grandioso Belén da catedral, que xa levamos tres anos facendo. Tamén participo na Semana Santa, formo parte dunha asociación cultural, adestro nenos no fútbol e colaboro no mercado medieval. Sempre hai moitas cousas que facer; a cuestión é poder ter tempo para todo.

- E seguirá implicado en todo iso...

Si, loxicamente. Son cousas que non vou deixar, porque forman parte da miña vida e tamén da vida de Mondoñedo. O Belén, por exemplo, empezou hai pouco pero está collendo moito éxito, e iso tamén me fai ilusión.

Redacción (www.aquidiario.com)
https://www.aquidiario.com (15-10-2025)
  • Catedral Basílica da Nosa Señora da Asunción - MONDOÑEDO: Campás, campaneiros e toques
  • MONDOÑEDO: Campás, campaneiros e toques
  • ÍNSUA PALACIOS, VALENTÍN (MONDOÑEDO) : Toques e outras actividades
  • Recoñecemento público de campaneiros: Bibliografía

     

  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © https://www.aquidiario.com (2025)
    © Campaners de la Catedral de València (2026)
    campanerscatedralvalencia@gmail.com
    Actualización: 09-05-2026

    Connectats: 51 Visitants: 50 Usuaris: 1 - toniengra