

| | Descricion |
Esta igrexa é unha edificación construída en catro etapas onde houbo un probable xacemento romano.
A Igrexa tiña inicialmente unha soa nave. A súa primeira fase foi románica, moi sinxela, posiblemente entre os séculos IX-X, como se aprecia polos canzorros do corpo central. A este corpo inicial engadiuse, polo Sur, unha capela de estilo gótico, con probabilidade no século XIV. A súa bóveda é de cantería e nervaduras. No ano 1769 fíxose unha nova ampliación, que consistiu no traslado para o Oeste da fachada principal como actualmente a contemplamos. A porta principal adórnase cunha moldura e enmárcase con dúas pilastras que sosteñen unha pequena cornixa que fai de base para a fornela que acolle a imaxe pétrea do Patrón. Un ocelo relevante con derrame ao exterior no mesmo eixo ocupa o centro do paramento. Dous pináculos flanquean a fachada. Remátase o conxunto coa espadana de dous corpos. No primeiro con dous ocos en arco de medio punto, e o segundo cun só arco e frontón curvilíneo, con outros dous pináculos e cruz pétrea de remate.
Finalmente, a mediados do século XIX modificouse o presbiterio, cubríndoo cunha bóveda de pedra en medio canón. É probable que sexa esta reforma da bóveda do presbiterio a que aproveitou os materiais da capela dedicada a Santa María Magdalena que Ávila y La Cueva nomea e comenta que foi mandada derruír no ano 1854 (por decreto de 15 de Marzo) polo bispo Frei Francisco García Casarrubios a causa do seu estado ruinoso.
O retablo maior ocupa todo o paramento da ábsida. No arquivo da Catedral consérvase o documento do encargo para a pintura e dourado do mesmo, feito a Benito Antonio Silva y Ruibal por parte do Cabido coa data de 3 de abril de 1780, pola cantidade de 1.550 reais. Na actualidade, polas desafortunadas restauracións sufridas, é case irrecuperable o seu valor artístico.
A capela lateral do lado sur está dedicada á Virxe do Rosario. Nela atópase unha imaxe do Cristo do Desencravo, de escola sevillana de moi boa factura.
Hai nesta capela outros dous pequenos retablos barrocos: o da Virxe do Rosario e o do Carme, cunha curiosa representación, en relevo, das Ánimas na fornela central. |
|---|
| Campás |
2 campás. |
|---|
| AutorFRANCO BARROS, Oscar / PATRIMONIOGALEGO.NET [https://patrimoniogalego.net/index.php/41946/2013/05/igrexa-parroquial-de-san-pedro-da-ramallosa/] (04-05-2013) CARRERA, Anxo & TROIANO CARRIL, Xosé / CAMPÁS E RELOXOS MONUMENTAIS DE GALICIA (FACEBOOK) (02-04-2026) |
|