
| | Descricion |
En Montillón de Arriba érguese unha ermida en advocación de San Bieito, fundador da orde beneditina, da que xurdiron outras ordes como a de Cluny e a do Císter, que a diferenza da anterior buscaba unha vida máis sobria baseada no "ora et labora" preconizada por San Bieito. Foron os monxes cistercienses de Armenteira os que levantaron en Montillón a finais do século XII ou primeiros do XIII un convento, do que o único que queda é a pía bautismal que se atopa ao fondo da ermida.
Trátase dun pía cadrada duns 80 centímetros de lado, sen ornamentación pero cunha inscrición que en latín e con abreviaturas di: "O presbítero Fernando fixo a fonte e restaurou a igrexa chamada de San Bieito" (Bouza Brey).
En 1605 o cardeal Jerónimo del Hoyo ao falar de S. Miguel de Arca (Souto era un anexo de Arca) informa: "Hay en esta felegresía dos hermitas, la una de san Mamed y la otra de san Torcato. Junto a esta iglesia esta la hermita y granja de San Benito de Montiñón que es de los frailes y monasterio de Armentera."
A fachada principal da ermida parécese a outras moitas igrexas da contorna, como a parroquial de Souto. Levantada con bos perpiaños de cantería, presenta a porta principal alintelada e salientada por unha moldura, e enriba unha fornela de arco semicircular, onde se acubilla unha imaxe de San Nicolás, labrada en pedra. Sobre a fornela unha bufarda circular no medio dun frontón, insinuado por unha moldura.
Adorna a ermida unha espadana central, ornada na base con placas e pináculos nos extremos, con dúas campás, a do lado dereito algo mais grande que a outra, e a cada flanco da espadana un pináculo. Remata o campanario cun van con dous pequenos pináculos a cada lado e rodeado de diversas molduras, sobre as que se ergue unha cruz de ferro.
Adousada á ermida está a sancristía que tamén reedificada, segundo di unha placa: "Se restituyó esta sacristía en el año 1904, siendo abad párroco de esta parroquia D. José Porta Mosteiro".
A imaxe de San Nicolás que preside a fachada da ermida procede da antiga capela de San Torcuato/San Trocado, desaparecida a comezos do século XX. Segundo a tradición oral, a peza foi adquirida en época de fame a cambio de "tres cuncas de millo miúdo". |
|---|
| Campás |
2 campás. |
|---|
| AutorFERRO, Luis & Bértolo, J. M. [https://www.farodevigo.es/deza-tabeiros-montes/2015/07/15/ermida-san-bieito-montillon-souto-16862315.html] (15-07-2015) TROIANO CARRIL, Xosé / CAMPÁS E RELOXOS MONUMENTAIS DE GALICIA (FACEBOOK) (31-05-2026) |
|