Inventario de campás

Igrexa de Santa María dos Ánxeles - BRIÓN (GALICIA)

(Referencia: 15629)
Lugar de Soigrexa, 3.
15280 BRIÓN


Data de construción Século XVIII.
Arquitecto Francisco Antonio Fernández Sarela
Descricion A igrexa parroquial de Santa María dos Ánxeles sitúase no lugar de A Igrexa, pertencente a parroquia dos Ánxeles.

Sobre restos románicos que evidencian a inxente actividade construtora dos séculos XII como a cruz antefixa que coroa o seu presbiterio ou algunhas das pedras que compoñen a sacristía, érguese a mediados do século XVIII a actual igrexa.

Coñecida antigamente como Santa María de Pérros, nome que escolle unha das aldeas da parroquia; nace dun acordo consecuente coas intencións reformistas do século XVIII. A antiga igrexa acolle así, unha fonda rehabilitación en mans de Francisco Antonio Fernández Sarela, fillo de Clemente Fernández Sarela, o cal se coñece como mestre principal da Casa do Cabildo compostelá.

Os primeiros indicios de reforma encontrámolos no ano 1748. Nos anos posteriores e de maneira continuada, os veciños viven a reconstrución da antiga torre románica dando lugar a unha nova de tintes barrocos, acontecendo o mesmo coa sancristía, as capelas laterais e a reforma menos agresiva do presbiterio. Obras que amosarían o seu remate no 1789 coa finalización da fachada e o corpo superior da torre, en mans do mestre Manuel Varela.

E así como, a día de hoxe, se nos presenta un edificio de planta de cruz latina e de nave única, mostra desa pegada románica. Un conservado adro con dúas pías bautismais, unha delas románicas, danos o recibimento. A porta principal, enmarcada por pilastras encaixadas que dan lugar a unha prudente sensación de movemento na totalidade da fachada, diríxenos a entrada. Coa mesma intención, destaca unha fornela coa imaxe da Asunción da Virxe datada na segunda metade do século XVIII e atribuída ao artista noiés Antonio Fabeiro. Sobre ela un vano cegado por un reloxo solar. Todo elo rematado por un frontón triangular que deixa o seu vértice a disposición da cruz cristiá románica. Ao lado, a torre de base triangular presenza a potencia do barroco compostelá onde estruturas se superpoñen dando lugar a teatralidade barroca de entrantes e saíntes constantes, creadores de incontables xogos de luces e sombras que bañan moitos dos campanarios da zona.

Unha vez dentro, camiñamos baixo unha bóveda de canón que cobre toda a nave central así como as capelas laterais, exceptuando a parte central correspondente co cruceiro no que cobra protagonismo a bóveda de arestas. Así mesmo, nos distintos tramos da nave central, ábrense unha serie de nichos con bóveda de canón onde se dispoñen pequenos retablos.

Sen dúbida, un dos tesouros da igrexa atopámolo no retablo principal, situado no altar maior e atribuído a Ramón Pérez Monroy. Datado do ano 1794 e facendo mostra do estilo neoclásico que xa se estaba asentando nas terras composteláns a finais do século XVIII, presenta un único corpo de tendencia cóncava, estruturado por tres espazos delimitados por columnas de orde corintia, douradas no seu capitel e basamento e de branco marmóreo no seus fustes. Entre elas sitúanse as diferentes imaxes, das cales sobresae no espazo central a da patroa Santa María baixo a advocación da Asunción no espazo central, datada en 1759. Posterior é a de San Roque, datada no 1794 e situada a esquerda da Virxe. De factura máis moderna son as que representan ao Corazón de Xesús e o Corazón de María, ambas datadas no 1940. Todo elo coroado por un medallón ovalado soportado por uns inquedos querubíns que nos amosan unha imaxe da Trinidade.

O resto de retablos que compoñen a totalidade do espazo sagrado, corresponden as imaxes da Soedade e de Xesús Nazareno, ambas de finais do XVIII e atribuídas a Ramón Monroy; as de Cristo coas Ánimas do Purgatorio e a da Inmaculada Concepción talladas a principios do XIX; e as de Santo Antonio de Padua e a Virxe do Rosario, obras de carácter neoclásico e que probablemente, farían xogo coas dúas anteriores. Ademais destas, o listado engrósase con outras varias como a do Xesucristo cravado na Cruz seguidora do estilo renacentista e posiblemente, unha das mais antigas que decoran a igrexa, xa que se data entre o 1520 e 1530; a de Santo André de 1759; e as de San Brais e San Clemente de 1733.

Pero no espazo eclesiástico non só habitan tallas e estruturas arquitectónicas. Pezas consideradas menores, como as de ourivería, mostran a intención dos fieis por facer da súa igrexa un espazo digno de recoñecemento artístico. Destacando entre estas, a cruz parroquial realizada no 1826, tres cálices posiblemente datados na mesma época e un copón de gusto manierista.
Campás 5 campás.
Autor
  • patrimoniorelixiosodebrion.blogspot.com [https://patrimoniorelixiosodebrion.blogspot.com/p/igrexa-de-santa-maria-dos-anxeles.html] (08-06-2026)
  • Vídeo (Pódese ordenar por calquera dos campos)

    PersoaVídeoDataDuración
    VIEITES PAZ, ROGELIOToque a Anxeliño 06-06-202601:13
    5 Fotos
    Editor da ficha TROIANO CARRIL, Xosé
    Actualización 08-06-2026


  • Ficha reducida (PDF)
  • BRIÓN: Campás, campaneiros e toques
  • Francesc LLOP i BAYO; Francesc Xavier MARTÍN NOGUERA Metodologia dels inventaris de campanes (1998)
  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © Campaners de la Catedral de València (2026)
    campanerscatedralvalencia@gmail.com
    Actualización: 09-06-2026

    Connectats: 85 Visitants: 85 Usuaris: 0