
| | Descricion |
A igrexa de Santa María de Noicela ten a súa orixe no século XVI e ao longo dos séculos foi sufrindo sucesivas modificacións, motivo polo cal as características que chegaron ata nós son fundamentalmente barrocas. Posúe unha soa nave e unha ábsida, ambas con cuberta de madeira. Ó muro do presbiterio foille engadida unha sancristía, e a esta, máis recentemente, un segundo corpo que, na actualidade, funciona tamén como sancristía. O sistema construtivo é fundamentalmente a base de muros de carga. A cuberta posúe dúas augas cunha cubrición de tella curva do país.
A fachada, na que se concentra a práctica totalidade da decoración, é de gran simetría e sobriedade. Posúe unha porta rectangular, con xambas enmarcadas e lintel moldurado, situándose sobre esta unha fornela que acolle á imaxe pétrea de Santa María (flanqueada por dous escudos) e un ha pequena fiestra rectangular que permite a entrada de luz natural ó coro. Os escudos da fachada con partición irregular contan coas armas dos Bermúdez de Castro, Andrade e Mariñas e outra co emblema da orde dos Agostiños, timbrado de capelo de abade.
O seu sistema pentagonal característico interrómpese na cornixa, descompoñendo, así a simetría da fachada ó romperse para dar paso a unha torre-campanario. Dita torre componse de tres corpos superpostos; no inferior encóntrase o acceso ó campanario, que se efectúa a través dunhas escaleiras apegadas ó muro lateral. O corpo intermedio está formado por catro machóns unidos por arcos de medio punto e decoración de molduras, mentres que o superior, ou de remate, resólvese nunha pequena cúpula flanqueada por catro pináculos, rematando o conxunto cunha cruz sobre unha bóla.
Como noutras igrexas do rural galego, aparece o cemiterio dentro do recinto do adro, formando un conxunto onde conviven a parroquia dos mortos e a parroquia dos vivos.
|
|---|
| Campás |
2 campás. |
|---|
| AutorTROIANO CARRIL, Xosé / PATRIMONIOGALEGO.NET (19-11-2019) TROIANO CARRIL, Xosé / CAMPÁS E RELOXOS MONUMENTAIS DE GALICIA (FACEBOOK) (12-05-2025) |
|